Sunday 12 de May de 2024

Laxe acolle varios obradoiros orientados a educar á veciñanza en temas de saúde


• A programación consta de catro sesións: primeiros auxilios na infancia, problemas de conduta en adolescentes, hábitos saudables na xente moza e a saúde da muller.

• As sesións impartiranse en outubro e novembro no Salón de Actos Culturais. Será necesario inscribirse previamente en cada actividade.

O Concello de Laxe organiza un conxunto de obradoiros relacionados coa educación para a saúde de cara á mellorar os coñecementos da veciñanza en ámbitos como a alimentación, os primeiros auxilios ou a saúde da muller.

As actividades, que contan coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, desenvolveranse en catro xornadas no Salón de Actos Culturais da biblioteca de Laxe.

A programación iniciarase o vindeiro martes 25 cun curso de primeiros auxilios na infancia. Será de 10:00 a 14:00 horas.

O segundo obradoiro, relacionado cos problemas de conduta en adolescentes, celebrarase o xoves 27 de outubro de 17:00 a 21:00 horas.

Xa no mes de novembro, en concreto o martes 8, terá lugar unha sesión sobre a alimentación e hábitos saudables na infancia e na adolescencia. Será pola tarde, en horario de 17:00 a 21:00 horas.

A última actividade dentro desta programación está relacionada coa muller e a saúde. Neste caso a sesión desenvolverase o xoves, 10 de novembro, de 17:00 de 21:00 horas.

Estes obradoiros precisan de inscrición previa. As persoas interesadas en acudir deberán anotarse no departamento de Servizos Sociais ou chamando ao 981 706 903.

Desde o Concello están convencidos de que esta programación terá unha ‘boa acollida’ porque ‘contempla diversas formacións que serven para afrontar o día a día e, sobre todo, para saber como actuar ante determinadas situacións ou comportamentos”.